axudas para a adquisición de libros de texto, materiais curriculares e material didáctico e complementario

Artigo 1. Obxecto da convocatoria e procedemento.

O obxecto desta orde é convocar axudas para a adquisición de libros de texto, materiais curriculares e material didáctico e complementario destinadas ao alumnado matriculado, no curso escolar 2011/2012, en centros sostidos con fondos públicos da Comunidade Autónoma de Galicia, en 1.º, 2.º, 5.º e 6.º de educación primaria, 1.º e 3.º de educación secundaria obrigatoria e en educación especial.

Esta convocatoria tramitarase polo procedemento establecido no artigo 19.2º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, tendo en conta que polo obxecto e finalidade da subvención non será necesario realizar a comparación e prelación das solicitudes presentadas nun único procedemento.

Artigo 2. Requisitos.

1. Para ser beneficiario desta axuda é preciso cumprir os seguintes requisitos:

a) Ser pai/nai/titor ou titora legal do alumnado matriculado en 1.º, 2.º, 5.º ou 6.º de educación primaria, en 1.º ou 3.º de educación secundaria obrigatoria ou en educación especial, nun centro sostido con fondos públicos da Comunidade Autónoma de Galicia durante o curso escolar 2011/2012 e non repetir curso neste ano académico. Non obstante, o alumnado que repita 1º ou 2º de educación primaria poderá solicitar a axuda, xa que neste ciclo se emprega material que non pode ser reutilizado.

b) Non estar incurso nas prohibicións para obter a condición de beneficiario, recollidas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

c) Para o alumnado de educación primaria e educación secundaria obrigatoria ter unha renda per cápita familiar igual ou inferior a 9.000 euros. Para a determinación da renda per cápita familiar terase en conta o disposto no artigo 6 desta orde.

Artigo 3. Lugar e prazo de presentación de solicitudes.

1. As solicitudes, segundo o anexo I á presente orde, entregaranse nos centros docentes en que estea matriculado o alumnado, segundo se indica a seguir.

Presentarase unha solicitude por cada alumno ou alumna matriculados, de xeito que se un solicitante ten varios fillos ou fillas matriculados nas ensinanzas e cursos obxecto da convocatoria, deberá presentar unha solicitude para cada un deles, xa sexa no mesmo ou en distinto centro.

2. As axudas serán solicitadas polos pais, nais, titores ou representantes legais do alumnado. Por cada alumno ou alumna só se concederá unha axuda, con independencia de que puider estar escolarizado en dous ou máis centros sostidos con fondos públicos no curso escolar 2011/2012.

3. O prazo de presentación de instancias para o alumnado obxecto desta convocatoria será dun mes, segundo se indica a continuación:

a) Para o alumnado de educación primaria e educación especial: do 1 ao 30 de xuño de 2011, ambos inclusive.

b) Para o alumnado de educación secundaria obrigatoria que formalice a matrícula no prazo ordinario: do 25 de xuño ao 26 de xullo de 2011, ambos inclusive.

c) Para o alumnado de educación secundaria obrigatoria que formalice a matrícula no prazo extraordinario: do 1 ao 30 de setembro de 2011, ambos inclusive.

d) Para as novas incorporacións de alumnado que se produzan ao longo do curso con posterioridade aos períodos indicados o prazo dun mes contarase a partir do día seguinte ao da formalización da matrícula. En todo caso, o prazo para presentar a solicitude para as novas incorporacións terá como data límite o 31 de marzo de 2012.

4. Unha vez recibidas as solicitudes, o centro deberá introducir a información na aplicación informática de xestión das axudas (axudaslibros) por algún dos seguintes procedementos:

a) Recuperando a información da matrícula do alumnado no sistema XADE. Neste caso o sistema recuperará os datos asociados ao NIF/NIE da persoa solicitante existentes en XADE e deberá completarse cos datos indicados na instancia presentada.

b) Iniciando unha solicitude nova en branco e cubrindo todos os datos indicados na instancia.

En todo caso, o centro que tramite deberá completar toda a información requirida polo sistema segundo os datos indicados na instancia e comprobar que a documentación estea completa.

5. Unha vez que a solicitude estea introducida no sistema, este permitirá ao centro educativo a xeración dun vale, segundo o modelo establecido como anexo II a esta orde, que será selado e asinado polo director ou directora do centro e entregado á persoa solicitante. Só se poderá entregar un vale por cada alumno ou alumna.

6. Transcorrido o prazo de tres meses desde o día seguinte ao da presentación da solicitude sen que poña á disposición da persoa solicitante o correspondente vale, esta poderá entender desestimada a súa solicitude por silencio administrativo, de conformidade co artigo 44.1º da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, para os efectos de interpor recurso potestativo de reposición ante a persoa titular da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria no prazo dun mes, segundo o disposto nos artigos 116 e 117 da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, ou ben directamente recurso contencioso-administrativo, no prazo de dous meses ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, de conformidade co artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso administrativa.

7. Os centros docentes prestarán asesoramento ás persoas interesadas para que cubran as solicitudes de xeito correcto en todas as súas epígrafes, e acheguen a documentación requirida por esta orde.

8. Os centros concertados, que actúan como entidades colaboradoras na xestión das axudas, terán que cubrir e asinar un anexo III, e quedan suxeitos ao establecido nesta orde. Este anexo será arquivado no centro xunto coas solicitudes.

Artigo 4. Solicitudes e documentación.

1. As instancias poderán obterse nos centros, nas xefaturas territoriais da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, e tamén se poderán descargar en formato pdf do portal educativo no enderezo electrónico http://www.edu.xunta.es

Unha vez cuberta a solicitude deberán presentarse, xunto coa documentación segundo se indica no artigo 3 desta orde, debidamente asinada polo pai, a nai ou titor/a do alumnado. Todo isto sen prexuízo da sinatura por parte do resto dos membros da unidade familiar computables para os efectos de renda que sexan maiores de idade, excepto nos supostos de separación ou divorcio, nos cales poderá omitirse a sinatura do proxenitor que non teña a custodia do menor.

A aplicación informática para a xestión das axudas tamén permitirá a xeración da solicitude unha vez introducidos os datos polo centro.

2. Xunto coa solicitude presentarase orixinal e copia da seguinte documentación, co fin de que a persoa que a reciba poida verificar a autenticidade da copia e devolva os orixinais.

Alumnado de educación primaria (1.º, 2.º, 5.º e 6.º curso) e de educación secundaria obrigatoria (1.º e 3.º curso).

a) Libro de familia en que figuren todos os membros da unidade familiar.

No caso de non ter libro de familia, ou se a situación familiar, a día 31 de decembro de 2009, non coincide coa reflectida no libro, terá que presentarse documento ou documentos acreditativos do número de membros da unidade familiar, tales como:

1. Sentenza xudicial de separación ou divorcio e/ou o convenio regulador onde conste a custodia do causante.

2. Certificado ou volante de convivencia.

3. Informe dos servizos sociais ou órgano equivalente do concello de residencia, que acredite a situación familiar.

b) No caso de discapacidade dalgún dos membros da unidade familiar incluídos na solicitude deberá presentarse un dos seguintes documentos que acrediten esta circunstancia en 31 de decembro de 2009:

1. Certificado emitido polo órgano competente do grao de minusvalidez cunha porcentaxe igual ou superior ao 33%,

2. Resolución ou certificado emitido pola Seguridade Social de pensión de incapacidade permanente nos graos de total, absoluta ou gran invalidez, ou

3. Documentación acreditativa da condición de pensionista de clases pasivas cunha pensión de xubilación ou retiro por incapacidade permanente para o servizo ou inutilidade.

c) No caso de situación de violencia de xénero no contorno familiar: documentación acreditativa.

O alumnado de educación especial unicamente deberá presentar a solicitude de axuda, non sendo necesario xuntar documentación algunha.

3. A documentación que se achegue deberá ter validez no momento da presentación da solicitude.

4. O centro educativo poderá requirir das persoas solicitantes, en calquera momento, aclaración da documentación presentada.

Artigo 5. Contía das axudas.

A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria aboará as axudas ás persoas solicitantes que reúnan os requisitos previstos nesta orde, nos seguintes importes por alumno ou alumna e curso, segundo a renda per cápita familiar no ano 2009:

Educación primaria:

Familias monoparentais:

–Renda per cápita familiar ata 6.000,00 €: 170 €.

–Renda per cápita familiar desde 6.000,01 ata 9.000,00 €: 90 €.

Resto das familias:

–Renda per cápita familiar ata 5.400,00 €: 170 €.

–Renda per cápita familiar desde 5.400,01 ata 9.000,00 €: 90 €.

Educación secundaria obrigatoria:

Familias monoparentais:

–Renda per cápita familiar ata 6.000,00 €: 180 €.

–Renda per cápita familiar desde 6.000,01 ata 9.000,00 €: 104 €.

Resto das familias:

–Renda per cápita familiar ata 5.400,00 €: 180 €.

–Renda per cápita familiar desde 5.400,01 ata 9.000,00 €: 104 €.

No caso de que nunha mesma unidade familiar existan varios alumnos ou alumnas que reúnan os requisitos para ser causantes destas axudas, percibirase a contía que corresponda por cada un deles, segundo o establecido nesta convocatoria.

Diario Oficial de Galicia, Enlace al documento completo

Deja un comentario

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.