PARTICIPACIÓN CIDADÁ DO CONCELLO DE NARÓN

REGULAMENTO ORGÁNICO DE PARTICIPACIÓN CIDADÁ DO CONCELLO DE NARÓN

EXPOSICIÓN DE MOTIVOS

TÍTULO PRELIMINAR. DISPOSICIÓNS XERAIS

Artigo 1. Obxecto do Regulamento

Artigo 2. Principios básicos

Artigo 3. Dereitos

Artigo 4. Deberes

Artigo 5. Ámbito de aplicación

TÍTULO I. O DEREITO Á INFORMACIÓN

CAPÍTULO I. O dereito á información individual

Artigo 6. Dereito á información

Artigo 7. Difusión das actuacións municipais

Artigo 8. Información de interese público

Artigo 9. Información escrita

Artigo 10. Acceso aos arquivos e rexistros municipais

CAPÍTULO II. O servizo de atención á cidadanía

Artigo 11

CAPÍTULO III.           Os medios de comunicación municipais

Artigo 12. Medios de comunicación municipais

Artigo 13. Boletín Informativo Municipal

Artigo 14.-Páxina web

CAPÍTULO IV. Os estudos de opinión

Artigo 15. Sondaxes e estudos de opinión

Artigo 16. Enquisas de calidade

Artigo 17. Difusión das sondaxes

Artigo 18. Difusión das enquisas de calidade

TÍTULO II. O DEREITO Á PARTICIPACIÓN

CAPÍTULO I. O  dereito de petición

Artigo 19. Definición

Artigo 20. Dereito de petición colectivo

Artigo 21. Contido da petición

Artigo 22. Falta de competencia do destinatario da petición

CAPÍTULO II. A consulta popular

Artigos 23 e 24

CAPÍTULO III. A iniciativa popular

Artigos do 25 ao 28

CAPÍTULO IV. A audiencia pública

Artigos do 29 ao 32

CAPÍTULO V. O dereito de intervención nos plenos municipales

Artigos do 33 ao 34

CAPÍTULO VI. O dereito de intervención nos consellos

Artigo 35

CAPÍTULO VII. O dereito de presentar queixas, reclamacións e suxestións

Artigo 36

TÍTULO III. AS ENTIDADES CIDADÁS MUNICIPAIS

CAPÍTULO I. Rexistro municipal de entidades cidadás

Artigo 37. Obxectivos e fins do rexistro

Artigo 38. Tipos de entidades que poden inscribirse

Artigo 39. Documentación a presentar

Artigo 40. Resolución da inscripción

Artigo 41. Actualización e modificación de datos

Artigo 42 .Publicidade dos datos

Artigo 43. Certificación dos datos do rexistro

CAPÍTULO II.-A vontade municipal de fomentar e apoiar o asociacionismo e o voluntariado

Artigo 44

CAPÍTULO III. A participación das entidades nos órganos municipais

Artigo 45

TÍTULO IV. OS ÓRGANOS DE PARTICIPACIÓN CIDADÁ. Características dos órganos de participación cidadá

Artigo 46

CAPÍTULO I. Os Consellos Sectorias

Artigo 47. Definición

Artigo 48. Finalidade

Artigo 49. Constitución

Artigo 50. Composición

Artigo 51. Funcións e competencias

Artigo 52. Normas xerais de funcionamento

Artigo 53. Regulamento interno de funcionamento

CAPÍTULO II. Os Consellos Territorias

Artigo 54. Definición

Artigo 55. Finalidade

Artigo 56. Constitución

Artigo 57. Composición

Artigo 58. Funcións e competencias

Artigo 59. Normas xerais de funcionamento

Artigo 60. Regulamento interno de funcionamento

CAPÍTULO III. O Consello de Participación Cidadá

Artigo 61. Definición

Artigo 62. Finalidade

Artigo 63. Constitución

Artigo 64. Composición

Artigo 65. Funcións e competencias

Artigo 66. Normas xerais de funcionamento

Artigo 67. Regulamento interno de funcionamento

Artigo 68. Funcións da Concellaría de participación cidadá

Artigo 69. Cláusula de revisión

DISPOSICIÓNS ADICIONAIS

DISPOSICIÓN DEROGATORIA

DISPOSICIÓN FINAL

Exposición de motivos

O Concello é o marco político – administrativo máis próximo á cidadanía. É o lugar ideal para que a democracia se poda exercer de forma directa. A democratización do Concello esixe, non só a representatividade dos/as cidadáns/as elixidos/as polo pobo para a toma de decisións, senón a intervención da cidadanía na planificación e control das actividades daqueles/as. Isto chámase participación, elemento imprescindible para a profundización da democracia. Polo tanto, participación é a incorporación á tarea municipal de toda acción de carácter solidario, ben sexa individual ou colectiva, intentando con isto chegar ó recoñecemento pleno do/a  veciño/a como suxeito de dereitos e non simple beneficiario/a de prestacións e servizos municipais.

TÍTULO PRELIMINAR.

DISPOSICIÓNS XERAIS

Artigo 1. Obxecto do Regulamento

É obxecto do presente Regulamento, a ordenación das formas, medios e procedementos de información e participación de veciños/as e entidades cidadás na xestión municipal, de conformidade co establecido nos artigos 1; 4.1 a); 18; 24 e do 69 ao 72 da Lei 7/1985, de 2 de abril, reguladora das bases de réxime local (en adiante LBRL) e os artigos do 251 ao 257 da Lei 5/1997, de 22 de xullo, de Administración local de Galicia (en adiante LALGA).

Artigo 2. Principios básicos

O Concello de Narón, a través deste Regulamento de participación cidadá, revela o seu compromiso ante os/as cidadáns/ás  para fomentar a participación democrática e a transparencia nos asuntos públicos locais e pretende atinxir os obxetivos que se enumeran a continuación e que terán carácter de principios básicos:

– Facilitar a máis ampla información sobre as súas actividades, obras e servizos.

– Facilitar e promover a participación dos/as veciños/as e entidades cidadás na xestión municipal en relación ás facultades de decisión que corresponden aos órganos municipais representativos.

– Facer efectivos os dereitos dos/as veciños/as recollidos no artigo 18 da e no artigo 252 da LALGA.

– Fomentar a vida asociativa no municipio.

– Aproximar a xestión municipal ós/ás  veciños/as.

– Garantir a solidariedade e equilibrio entre os distintos núcleos de poboación do termo municipal.

Artigo 3. Dereitos

Os/as  veciños/as do municipio de Narón teñen, nas súas relacións co Concello, os seguintes dereitos:

a) Ser elector/a e elixible de acordo co disposto na lexislación electoral.

b) Participar na xestión municipal nos termos que se establecen neste regulamento, no seu caso, cando a colaboración con carácter voluntario dos/as veciños/as sexa interesada polos órganos de goberno e a administración municipal.

c) Teñen dereito a recibir axudas económicas e a usar os medios municipais, en función da súa representatividade e actividades. Fiscalizarase por parte dos órganos competentes do Concello a concesión de axudas económicas ás distintas entidades cidadás.

d) Contribuír mediante as prestacións económicas e persoais legalmente previstas á realización das competencias municipais.

e) Ser informado/a, previa petición razoada, e dirixir solicitudes á Administración municipal en relación a todos os expedientes e documentación municipal, de acordo co previsto no artigo 105 da Constitución.

f) Pedir a consulta popular nos termos previstos na Lei.

g) Exercer a iniciativa popular nos termos previstos no artigo 70 bis da LRBRL, na redacción dada pola Lei 57/2003, de 16 de decembro.

h) Aqueles outros dereitos e deberes establecidos nas leis.

i) O Concello comprométese a que nos orzamentos municipais se inclúa unha partida adicada a fomentar o asociacionismo.

Artigo 4. Deberes

No marco dos deberes cívicos previstos na Constitución Española e nas leis vixentes para toda a cidadanía, os/as veciños/as  do Concello de Narón terán, entre outros, os deberes seguintes:

a) Deber de colaboración no seu máis amplo sentido co Concello, para o efecto de conseguir unha mellor prestación dos servizos municipais.

b) Deber de facilitar a actuación municipal en todo o relativo á inspección, fiscalización e seguimento de todas as materias relacionadas co seu ámbito de competencia.

c) Deber de solicitar as preceptivas licenzas e demais autorizacións municipais, precisas para o exercizo de calquera actividade sometida ao control da Administración municipal.

d) Deber de coidar e respectar o municipio de Narón, a convivencia cos seus veciños e veciñas e coas persoas que o visitan.

Artigo 5. Ámbito de aplicación

Os dereitos e deberes enumerados nos artigos 3 e 4, agás o sufraxio e o dereito a consulta popular e a iniciativa popular, recoñécense a calquera persoa que poida acreditar un interese lexítimo, sen que se requira estar empadroado no municipio, entendéndose como interese lexítimo o establecido na lei.

 

TÍTULO PRIMEIRO. O DEREITO Á INFORMACIÓN

CAPÍTULO I. O dereito á información individual

Artigo 6. Dereito á información

O Concello de Narón garante ós/ás cidadáns/ás do municipio o seu dereito á información sobre a xestión das competencias e servizos municipais de acordo coas disposicións legais e a presente normativa, cos únicos límites previstos na lexislación aplicable.

O Concello informará ós/ás cidadáns/ás da súa xestión a través dos medios de comunicación social, e mediante a edición de publicacións, folletos e bandos; a colocación de cartelería, valados publicitarios, taboleiros de anuncios e paneis informativos; proxección de vídeos, organización de actos informativos e cantos outros medios se consideren necesarios. Ao mesmo tempo poderá recoller a opinión dos/as cidadáns/ás e entidades a través de campañas de información, debates, asembleas, xuntanzas, consultas, enquisas e sondaxes de opinión.

Artigo 7. Difusión das actuacións municipais

As normas, acordos e, en xeral, as actuacións municipais, serán divulgadas da forma máis sinxela e apropiada para que poidan ser coñecidas polos/as cidadáns/ás e, como consecuencia, poidan exercer os seus dereitos e cumprir as súas obrigas.

Artigo 8. Información de interese público

Cando circunstancias de interese público o aconsellen e previa conformidade do órgano municipal competente, daranse a coñecer a toda a poboación que resida no municipio os acordos e disposicións municipais, sen prexuízo da preceptiva publicación nos Boletíns Oficiais.

 

 

Artigo 9. Información escrita

Os/as cidadáns/ás poderán solicitar por escrito información sobre as actuacións municipais e os seus antecedentes e, en xeral, sobre todos os servizos e actividades municipais. As peticións de información deberán ser razoadas, salvo que se refiran á obtención de copias e certificacións de acordos municipais e antecedentes destes.

Cando a solicitude faga referencia a asuntos da competencia de outras Administracións Públicas, a Oficina Municipal de Información e Atención a Cidadanía a dirixirá a quen corresponda, dando conta deste extremo ao interesado.

Artigo 10. Acceso aos arquivos e rexistros municipais

Os/as cidadáns/ás terán acceso á documentación dos arquivos e rexistros municipais, para informarse de actividades e asuntos relativos a competencias municipais, acreditando un interese sobre os mesmos. A petición deberá facerse de forma razoada a través do Rexistro Xeral do Concello, conforme ao establecido no artigo 37 da Lei 30/1992, de 26 de novembro, do Réxime xurídico das Administracións Públicas e o procedemento administrativo común.

Sen prexuízo do anterior o acceso ós arquivos e rexistros deberá cumprir cos requisitos recollidos no Regulamento do Arquivo municipal do Concello de Narón aprobado polo Pleno municipal de data 28 de abril de 2006.

CAPÍTULO II. Do servizo de atención a cidadanía

Artigo 11.

Co obxectivo último de acercar a Administración á cidadanía, poderá habilitar en función das posibilidades do Concello e dentro das dependencias municipais, unha Oficina de Información e Atención á cidadanía como ferramenta de modernización do Concello, integrando tres tipos de atención; presencial, telefónica e telemática, coas seguintes funcións específicas:

1. De recepción dos/as cidadáns/ás, guiándoos/as ás diversas áreas ou dependencias municipais.

2. Satisfacer en tempo real as demandas sinxelas de información que formulen os/as cidadáns/ás, en xeral sobre o municipio: direccións e teléfonos de interese, actos institucionais; centros culturais, recreativos e de ocio, horarios dos diferentes equipamentos municipais, etc.

3. Dar resposta ás demandas complexas de información que formulen os/as cidadáns/ás: datos identificativos dos servizos municipais (qué son, para qué serven, quén pode solicitalos, qué dereitos proporciona, etc.), así como a documentación necesaria para solicitalos; trámites e procedementos administrativos (normativas reguladoras, prazos, efectos, etc.).

4. De entrega de impresos para as solicitudes que os/as cidadáns/ás desexen realizar, acompañada dunha labor de revisión previamente a ser rexistrada, garantindo que a documentación aportada é a correcta.

5. De recepción e xestión eficaz das queixas e suxestións dos/as cidadáns/ás.

Para tal fin, existirá a disposición dos/as veciños/as un libro de reclamacións  e suxerencias que unha vez cumplimentadas serán cursadas no rexistro xeral municipal e direccionaranse ao propio servizo de atención á cidadanía. Neste punto, introducirase unha base de datos, que será analizada periódicamente a efectos de incluír no informe de calidade ao cal se refire o punto 10. Asi mesmo, todas as queixas e reclamacións contestaranse no prazo que marque a lei. Transcurrido este prazo sen contestación expresa entenderase desestimada por silencio administrativo

6. De xestión de trámites de resolución inmediata, é dicir, darase resposta en tempo real ás demandas de xestión dos/as cidadáns/ás que requiran dun procedemento interno e puntual.

7. De xestión do sistema de cita previa onde o Concello adaptase ás necesidades dos/as cidadáns/ás que elixen día e hora para resolver demandas de información e de xestión de trámites administrativos que requiran dunha resposta personalizada das diversas áreas municipais.

8. De orientación e asesoramento ós/ás cidadáns/ás no exercizo do dereito fundamental de petición.

9. De portelo único: a través do rexistro do Concello, os/as cidadáns/ás poderán presentar solicitudes, escritos ou calquera outro tipo de documentación para a tramitación de procedementos administrativos dirixidos a outras administracións públicas coas que exista o oportuno convenio de colaboración con independencia da súa localización.

10. De xestión da calidade mediante sistemas de recollida de datos, que permitan obter información periódica acerca da prestación do servizo, co obxecto de adaptalo ás necesidades cambiantes dos/as cidadáns/ás.

CAPÍTULO III. Os medios de comunicación municipais

Artigo 12. Medios de comunicación municipais

O Concello de Narón fará o posible por distribuir a información municipal, potenciará os medios de comunicación municipais e propiciará o acceso aos mesmos dos/as cidadáns/ás e entidades inscritas no Rexistro Municipal de entidades cidadás. Para facilitar o uso dos medios de comunicación municipais estableceranse cauces e prazos, segundo as características do medio e o interese manifestado. Así mesmo, incorporará as tecnoloxías da comunicación para facilitar ó máximo a información municipal e a participación cidadá.

O Concello facillitará aos medios de comunicación escrita e prensa en xeral, a orde do día dos plenos, xunta de goberno e comisións informativas.

Artigo 13. Boletín Informativo Municipal

Dende o Concello procurarase segundo os medios económicos, a elaboracion dun boletín informativo municipal do Concello  que permita aproximar a Administración ós/ás cidadáns/ás. Nestes terán cabida as diferentes entidades asociativas recoñecidas do municipio.

As tiradas de este boletín serán dunha vez ó ano. A súa elaboración será regulada polo Consello de participación cidadá.

Artigo 14. Páxina web

Co obxecto de que os/as cidadáns/ás poidan tomar parte na vida pública do municipio, o Concello facilitará ó fomento e uso das tecnoloxías da comunicación, mediante a potenciación da súa páxina web que, entre outras cuestións, permita:

1. Facilitar ó máximo as xestións ante a Administración Local.

2. Mellorar a transparencia da Administración incorporando á rede toda a información de carácter público que se xenere no municipio, as actuacións de interese xeral, así como a axenda de actividades do municipio, tanto as organizadas polo Concello como polo resto dos entidades sociais.

3. Potenciar a relación entre Administracións a través de redes telemáticas para beneficio dos/as cidadáns/ás.

4. Posibilitar a realización de trámites administrativos municipais.

5. Facilitar á poboación o coñecemento da rede asociativa local.

6. Así mesmo, impulsarase un espazo onde os/as cidadáns/ás poidan presentar ideas, opinións e suxestións sobre temas de interese para o municipio.

CAPÍTULO IV. Os estudos de opinión

Artigo 15. Sondaxes e estudos de opinión

O Concello de Narón poderá facer sondaxes de opinión á poboación co fin de coñecer a súa valoración sobre o funcionamento de calquera servizo municipal e/ou sobre cuestións de relevancia.

Artigo 16. Enquisas de calidade

O Concello poderá facer enquisas de calidade ás persoas usuarias dos servizos municipais para acadar a información necesaria que reverta nas oportunas accións de mellora destes.

Artigo 17. Difusión das sondaxes

O Concello dará a coñecer os resultados das sondaxes que realice a través dos medios de comunicación. Deixará ao alcance dos/as cidadáns/ás que o soliciten, a consulta da documentación utilizada e a ficha técnica dos mesmos, habilitando no seu caso, o espazo e o tempo axeitados.

Artigo 18. Difusión das enquisas de calidade

O Concello dará a coñecer os resultados das enquisas de calidade a través dos seus medios de comunicación.

 

TÍTULO II. O DEREITO Á PARTICIPACIÓN

CAPÍTULO I. O dereito de petición

Artigo 19. Definición

Todas as persoas físicas e xurídicas, de forma individual ou en grupo, poderán exercer o dereito de petición, mediante o cal poderán formular solicitudes en temas de competencia municipal ou pedir aclaracións sobre as actuacións municipais.

Artigo 20. Dereito de petición colectivo

A petición poderá ser cursada individualmente, se ben, todos/as os/as cidadáns/ás poderán exercer o dereito de petición de forma colectiva.

Artigo 21. Contido da petición

A petición poderá versar sobre calquera asunto comprendido no ámbito de competencias do/a destinatario/a da petición, sendo indiferente que o asunto afecte exclusivamente ao/a peticionario/a ou sexa de interese colectivo ou xeral.

Como excepción, non serán obxecto deste dereito os asuntos e suxestións para os que exista un procedemento específico distinto do regulado pola Lei orgánica 4/2001, de 12 de novembro, reguladora do dereito de petición.

A petición deberá realizarse por escrito e será sempre contestada nos termos previstos na lexislación vixente. Utilizarase calquera medio que permita acreditar a súa autenticidade, a través do Rexistro Xeral do Concello. O escrito deberá ter o seguinte contido:

– A identidade do/a peticionario/a.

– A nacionalidade do/a peticionario/a.

– O lugar ou medio electo para a práctica de notificacións.

– O obxecto da petición.

– O destinatario/a da petición.

– Nas peticións colectivas, sinatura de cada peticionario/a.

O Concello acusará recibo da petición no prazo de 10 días e será admitida a trámite a non ser que concorra algunha das seguintes circunstancias.

-Que exista insuficiencia de acreditación do/a peticionario/a ou peticionarios/as.

-Que o obxeto da petición non sexa competencia  do Concello.

-Que a petición teña un trámite administrativo específico.

No primeiro caso darase un prazo de 15 días para subsanar a carencia de acreditación, transcurrido o cal entenderase desistido o procedemento. A inadmisión por calquera outra causa será obxeto de resolución motivada no prazo de 45 días, a contar a partir do seguinte ao da data de presentación da petición.

Si é admitida a trámite o Concello deberá respostar nun prazo máximo de tres meses, informando se procede, das medidas que se tomaron ao efecto ou das actuacións que se prevé adoptar.

Artigo 22. Falta de competencia do/a destinatario/a da petición

Cando a petición faga referencia a materias para as que sexan competentes outras institucións, administracións ou organismos, o órgano ou servizo municipal a remitirá no prazo de dez días a quen corresponda, dando conta deste extremo ao/a peticionario/a.

CAPÍTULO II. A consulta popular

Artigo 23.

De conformidade co sinalado no artigo 257 da LALGA, o/a alcalde/sa, previo acordo por maioría absoluta do Pleno, poderá someter a consulta popular aqueles asuntos de competencia propia municipal e de carácter local que sexan de especial relevancia para os intereses dos/as veciños/as, con excepción dos relativos á facenda local.

Artigo 24.

A iniciativa da proposta de consulta corresponde:

a) Ó/a alcalde/sa, con acordo do Pleno pola maioría absoluta da Corporación, se un 5% da poboación maior de 18 anos solicita a consulta popular. O acordo de consulta precisará os termos exactos nos que deberá de formularse. Os/as asinantes deben estar empadroados/as e reunir os requirimentos para ser electores/as, segundo a lexislación electoral.

b) O/a alcalde/sa poderá someter a consulta popular aqueles asuntos de competencia municipal e de especial relevancia que considere convenientes, previo acordo da maioría absoluta do Pleno municipal.

En todo caso haberán de cumprirse os trámites recollidos no artigo 257.3 da LALGA.

CAPÍTULO III. A iniciativa popular

Artigo 25.

Os/as veciños/as que gocen do dereito de sufraxio activo nas eleccións municipais poderán exercer a iniciativa popular, presentando propostas de acordos ou actuacións, ou proxectos de regulamentos en materia de competencia municipal.

Artigo 26.

Os/as promotores/as da iniciativa deben estar claramente identificados/as e débese reunir un 10% de sinaturas debidamente autentificadas de persoas maiores de idade e empadroadas no municipio conforme a lexislación vixente.

Artigo 27.

A iniciativa deberá ser sometida a debate e votación no Pleno, sen prexuízo de que sexa resolta polo órgano competente por razón da materia. En todo caso requirirase o informe previo de legalidade do/a secretario/a xeral do Concello, así como o informe do/a interventor/a municipal, cando a iniciativa afecte a dereitos e obrigas de contido económico do Concello. Unha vez que se elaboren os informes de legalidade pertinentes, a iniciativa será tratada na seguinte Xunta de Portavoces desde que se teñan eses informes na secretaría xeral do Concello.

Artigo 28.

A iniciativa pode levar incorporada unha proposta de consulta popular local que será tramitada polo procedemento e cos requisitos previstos no artigo 71 da LBRL.

CAPÍTULO IV. A audiencia pública

Artigo 29.

Os/as cidadáns/ás teñen o dereito á audiencia pública por parte do/a alcalde/sa ou concelleiro/a en quen delegue, a cal consiste en facer sesións específicas abertas a todos/as os/as que o desexen, para ser informados/as e escoitados/as respecto de temas de competencia municipal nos que se manifeste un interese lexítimo.

Artigo 30.

A audiencia pública será convocada polo/a alcalde/sa, xa sexa a iniciativa propia ou ben a petición das entidades ou asociacións cidadás ou incluso de cidadáns/as particulares, sempre e en todos os casos cando se presenten como mínimo un 10% de sinaturas debidamente autentificadas de persoas maiores de idade e empadroadas no ámbito onde se pretenda celebrar a audiencia.

Artigo 31.

Os/as solicitantes da audiencia presentarán un escrito razoado no Rexistro Xeral do Concello, xuntando unha memoria sobre o asunto a tratar. Unha vez que se reciba a documentación, o/a alcalde/sa convocará a audiencia pública que deberá celebrarse nos trinta días seguintes.

Artigo 32.

De igual forma, o/a alcalde/sa convocará en audiencia pública aos/as veciños/as afectados/as por actuacións relevantes.

 

 

CAPÍTULO V. O dereito de intervención nos plenos municipais

Artigo 33.

1. As sesións do Pleno son públicas, salvo nos casos previstos no artigo 70.1 da LRBRL.

2. No son públicas as sesións da Xunta de Goberno Local nin das Comisións Informativas. Non obstante, ás sesións destas últimas poderán convocarse con carácter excepcional e acordado pola presidencia de cada órgano para os únicos efectos de escoitar o seu parecer ou recibir o seu informe respecto a un tema concreto, a representantes das entidades a que se refire o artigo 72 da LBRL.

Artigo 34.

1. Cando algunha das Entidades a que se refire o artigo 72 da LBRL, debidamente inscritas no Rexistro Municipal de Entidades Cidadás, desexe efectuar unha exposición ante o Pleno en relación con algún punto da orde do día, previamente ditaminado na comisión correspondente, en cuia previa tramitación administrativa intervira como interesado ou nunha materia da cal se poida discrecionalmente estimar que teña interese específico en razón a unha concreta relación daquel punto co obxecto social estatutario, deberá solicitalo por escrito ó alcalde ou alcaldesa, polo menos 24 horas antes de comezar a sesión. Coa autorización deste/a e a través dun único representante, poderá expor o seu parecer durante o tempo que sinale o/a alcalde/sa,  despois da lectura, e con anterioridade ó debate e votación da proposta incluída na orde do día. En todo caso terá que cumprir coas seguintes premisas:

a) O asunto obxeto da intervención haberá de estar directamente relacionado con outro incluído na orde do día da sesión.

b) A alcaldía poderá denegar motivadamente a intervención, especialmente se é un asunto sobre o cal o concello non ten competencias ou se xa foi presentado noutra sesión nun periodo anterior a 3 meses;

c) En ningún caso se admitirán intervencións nas mocións políticas nin nas sesións extraordinarias e urxentes.

Rematada a sesión do Pleno o/a Alcalde/sa poderá establecer un turno de rogos e preguntas polo público asistente sobre temas concretos de interese municipal. Corresponde ao/a Alcalde/sa ordear e pechar ese turno.

2. Os/as representantes das distintas entidades inscritas no Rexistro Municipal de Entidades Cidadás poderán plantexar por escrito ao concello todas as cuestións que consideren oportunas para que se lles dé contestación a través do órgano competente, e no prazo que a lei estableza.

CAPÍTULO VI. O dereito de intervención nos Consellos

Artigo 35.

As entidades inscritas no Rexistro Municipal de Entidades Cidadás terán dereito a participar nos órganos dos Consellos sectoriais na proporción e representación que se establece neste Regulamento.

CAPÍTULO VII. Das reclamacións e suxerencias

Artigo 36.

1. Para que un/unha cidadán/á poida exercer as súas demandas, reclamacións, suxerencias sobre as actuacións da corporación ou algún dos seus organismos, poñerase a disposición do público un dispositivo consistente na posibilidade de facer dita reclamación ou proposta por escrito en impreso, quedando copia selada en poder do reclamante.

2. Tódalas reclamacións ou denuncias que se presenten recibirán resposta, no prazo que marque a lei.

3. No caso de non haber resposta por parte do concello, poderase recorrer polas vías establecidas na lexislación vixente.

 

TÍTULO III. AS ENTIDADES CIDADÁS MUNICIPAIS

Enténdese por entidades cidadás aquelas entidades que non teñen ánimo de lucro e que teñan por obxeto a defensa, fomento e mellora dos intereses xerais dos/as veciños/as.

CAPÍTULO I. Rexistro Municipal de entidades cidadás

Artigo 37. Obxectivos e fins do Rexistro

O Rexistro Municipal de Entidades cidadás ten por obxeto permitir ó concello coñecer ás entidades existentes no municipio, os seus fins e representatividade e así poder realizar unha correcta política municipal de fomento do asociacionismo cidadán. Ten polo tanto dous obxectivos fundamentais:

a) Recoñecer ás entidades inscritas e garantirlles o exercizo dos dereitos recoñecidos neste Regulamento e na lexislación vixente.

b) Permitir ó Concello coñecer en todo momento os datos máis importantes da sociedade civil do municipio, a representatividade e o seu grao de interese ou utilidade cidadá.

Artigo 38. Tipo de entidades que poden inscribirse

Poden obter a inscripción no Rexistro Municipal de Entidades Cidadás, todas aquelas cuio obxecto sexa a defensa, fomento ou mellora dos intereses xerais ou sectoriais dos/as veciños/as do municipio e, en particular, as asociacións de veciños/as dun barrio, parroquia ou distrito, as de pais e nais de alumnos/as, as entidades culturais, deportivas, recreativas, xuvenís, da muller, de caracter social e calesquera outras similares, legalmente constituídas e teñan en Narón a súa sede social e ademais desenrolen as súas actividades no termino municipal de Narón exceptuando aquelas que ainda tendo a sede social noutro municipio se considere que desenrolan unha labor de interese social importante para o municipio de Narón.

Para poder acceder ós recursos municipais será preciso que as entidades se inscriban formalmente no Rexistro Municipal de Entidades Cidadás. As Entidades que se inscriban no rexistro creado a tal fin, sexa cal sexa a súa forma xurídica, non poderán ser partidos políticos nin formar parte de coalicións electorais, non poderán ser sindicatos, nin organizacións relixiosas. Non poderán ser entidades cuios fins sexan de carácter racista, xenófobo ou discriminatorio en razón de sexo e calquera tipo de entidade que atente contra os dereitos humáns.

Artigo 39. Documentación a presentar

As entidades que aspiren a inscribirse neste Rexistro deberán presentar:

a) Instancia dirixida ó alcalde ou alcaldesa solicitando a inscrición.

b) Estatutos da Entidade, aprobados polo órgano competente.

c) Número de inscrición no Rexistro Xeral de Asociacións e noutros Rexistros públicos.

d) Acta de constitución ou acta da asemblea xeral de socios/as que acredite a personalidade dos membros da xunta directiva co enderezo e teléfonos de contacto das persoas que ocupan os cargos.

e) Certificado do/a secretario/a da Entidade indicando o domicilio social daquela.

f) Fotocopia compulsada da Tarxeta de Identificación Fiscal da Entidade.

g) Certificación do/a secretario/a indicando o número de socios/as inscritos/as no momento da solicitude.

h) Programa anual de actividades.

i) Orzamento.

 

Artigo 40. Resolución da inscrición

No prazo de 15 días desde a solicitude de inscrición, salvo que esta se tivese que interromper pola necesidade de emendar deficiencias na documentación, o/a alcalde/sa decretará a inscrición da entidade no Rexistro Municipal de Entidades Cidadás e notificaráselles esta resolución ós/as interesados/as. A partir deste momento considerarase de alta para todos os efectos. No caso de non haber resposta entenderase dada de alta a entidade, coa data de 15 días despois da entrada no rexistro.

Artigo 41. Modificación de datos

As entidades inscritas están obrigadas a notificar ao Rexistro calquera modificación dos datos incluídos na documentación que servise de base para a inscrición, dentro do mes seguinte ó da data en que tal modificación se producise.

No mes de xaneiro de cada ano as entidades teñen a obriga de presentar no rexistro do concello a seguinte documentación:

a) Programa anual de actividades.

b) Orzamento.

c) Nº de socios a 31 de decembro.

d) Nomes das persoas que ocupan os cargos na xunta directiva, enderezos e teléfonos de contacto.

e) Copia da acta da asemblea que acredita esa xunta directiva.

O incumprimento por parte das entidades do estipulado con anterioridade, dará lugar a que o Concello poida dar de baixa á entidade cidadá no rexistro, coa conseguinte perda de seus dereitos. Antes de dar de baixa a unha asociación comunicaráselle con antelación e daráselle audiencia, en caso de que a soliciten.

 

 

Artigo 42. Publicidade dos datos

O Rexistro Municipal de Entidades Cidadás será único, levarase na Secretaría Xeral da Corporación e os seus datos xerais serán públicos, coas restriccións que en todo momento prevexa a normativa vixente.

Anualmente elaborarase e actualizarase o ficheiro de entidades cidadás que incluirá os datos xerais individualizados que declarasen as entidades no momento da súa inscrición no Rexistro Municipal de Entidades Cidadás ou da súa renovación na mesma.

Artigo 43. Certificación dos datos do rexistro

As certificacións expedidas sobre os datos rexistrados serán documentos únicos para acreditar a condición da inscrición e a natureza da entidade cidadá en cuestión.

CAPÍTULO II. A vontade municipal de fomentar e apoiar ó asociacionismo e ó voluntariado

Artigo 44.

O asociacionismo é a expresión colectiva do compromiso dos/as veciños/as co seu municipio e o voluntariado unha das súas expresións máis comprometidas e transformadoras.

Para conseguir que as entidades cidadás poidan desenvolver as súas actividades con plenas garantías o Concello colaborará en:

– Programas de formación e capacitación na xestión, na dinamización e no impulso do movemento asociativo.

– Servizos de asesoramento, a diferentes niveis de participación e xestión, incluída a xestión compartida das instalacións e servizos municipais.

– A aportación de recursos para promover a realización das súas actividades.

 

CAPÍTULO III. A participación das entidades nos órganos municipais

Artigo 45.

A participación das entidades nos Plenos e outros órganos municipais regúlase nos apartados pertinentes. É unha expresión clara da vontade política do Concello de crear condicións favorables para que o exercizo dos dereitos dos/as veciños/as, organizados en asociacións locais, a participar na multiplicidade de asuntos relacionados co seu municipio sexa un feito.

 

TÍTULO IV. OS ÓRGANOS DE PARTICIPACIÓN CIDADÁ

Características dos órganos de participación cidadá

Artigo 46.

Articúlase a participación cidadá na corporación municipal a través dos seguintes órganos:

–                  Consellos sectoriais

–                  Consellos territoriais

–                  Consello de participación cidadá.

No non previsto neste regulamento será de aplicación supletoria as disposicións xerais sobre réxime local e as que no seu caso dicte o goberno da Comunidade Autónoma de Galicía.

CAPÍTULO I. Os Consellos Sectoriais

Artigo 47. Definición

O Pleno da Corporación poderá acordar o establecemento de Consellos Sectoriais, que terán como finalidade a de canalizar a participación da cidadanía e das súas asociacións ou entidades nos asuntos municipais. Os Consellos Sectoriais desenvolverán exclusivamente funcións de informe e, no seu caso, proposta, en relación coas iniciativas municipais ou veciñais relativas ó sector de actividade ó que corresponda cada Consello.

Por cada un dos sectores ou áreas de actividade municipal, poderanse crear Consellos Sectoriais, que teñan como fin a participación na xestión mediante o asesoramento e consulta ós diferentes órganos do Concello nos temas da súa competencia.

Artigo 48. Finalidade

Os consellos sectoriais teñen a finalidade de promover e canalizar a participación das entidades cidadás e da cidadanía nos diferentes sectores da vida local en que o Concello ten competencia, facendo así posible unha maior corresponsabilización dos/as veciños/as nos asuntos públicos do municipio.

Artigo 49. Constitución dos Consellos

O Concello aprobará en sesión plenaria, previo informe da Comisión Informativa que corresponda, a creación e composición dos Consellos Sectoriais que considere adecuados para o fomento da participación cidadá, para cada un dos sectores ou áreas de actividade municipal.

Poderanse crear Consellos Sectoriais de ensino, sanidade, medioambiente, muller, persoas maiores, xuventude, discapacitados, e todos aqueles que a corporación estime oportuno, ou a petición dos sectores implicados.

Artigo 50. Composición

Constituirán os Consellos Sectoriais:

– Presidencia: o/a alcalde/sa ou concelleiro/a en quen delegue.

– Un/unha vicepresidente/a: o/a concelleiro/a elexido/a polo pleno.

– Un/unha concelleiro/a por cada un dos grupos políticos que forman parte da Corporación.

– Un/unha representante por cada unha das entidades inscritas no Rexistro Municipal de Entidades Cidadás relacionadas co sector e con interese na materia.

– Un/unha representante por cada unha das institucións directamente vinculadas coa área obxeto do consello.

– En todos os Consellos haberá tamén, con voz e sen voto, un/a funcionario/a municipal en calidade de secretario/a.

Artigo 51. Funcións e competencias

Son competencia dos Consellos Sectoriais:

1. Fomentar a protección e a promoción da calidade de vida dos sectores implicados.

2. Fomentar a participación directa das persoas, entidades e dos sectores afectados ou interesados, establecendo para este efecto os mecanismos necesarios de información, estímulo e seguimento das súas actividades.

3. Informar ó Concello, a través do consello sectorial, sobre os problemas específicos do sector.

4. Propoñer solucións alternativas ós problemas máis concretos do sector, sendo de obrigada consideración e estudo por parte do Concello

5. Seguimento no cumprimento dos acordos adoptados polo Concello sobre as propostas do consello sectorial, dándolle traslado do texto completo dos acordos e dos informes técnicos correspondentes si fora necesario.

6. Consulta previa ó Consello Sectorial por parte do Concello en tódolos asuntos de transcendencia que afecten ó sector.

7. Elaborar propostas relativas ó ámbito de actuación de cada Consello Sectorial.

8. Resolver sobre as solicitudes formuladas por asociacións, entidades ou institucións cara a súa incorporación ao correspondente Consello.

9. Cada Consello Sectorial terá ademais as funcións específicas que determine o seu Regulamento.

10. Manter as reunións necesarias coas distintas áreas municipais para o seguimento e control dos acordos tomados coa periodicidade que dite o regulamento que rexe o seu funcionamento.

Artigo 52. Normas xerais de funcionamento

Os Consellos Sectoriais son elementos claves de participación da cidadanía nos asuntos públicos. Entendidos así, as diferentes áreas municipais deben impulsar e coordinar o seu traballo.

Por estas razóns, todos os Consellos Sectoriais cumprirán as seguintes normas xerais de funcionamento:

– Reuniranse, como mínimo, unha vez ó semestre con carácter ordinario, e con carácter extraordinario cantas veces sexa preciso a xuízo da presidencia ou cando o soliciten un mínimo de un tercio dos membros do Consello.

– Remitirán acta de todas as xuntanzas, non só ós membros do Consello senón tamén a todas as asociacións relacionadas co sector.

– Cada ano o Consello Sectorial debaterá e aprobará un informe das actuacións realizadas durante o período e propoñerá iniciativas para melloralas. Este informe será presentado ó Consello de Participación Cidadá.

Artigo 53. Regulamento interno de funcionamento

Unha vez constituídos os Consellos Sectoriais, elaborarán un Regulamento interno de funcionamento que deberá ser aprobado polo Pleno da Corporación, previo informe da Comisión Informativa correspondente e do Consello de Participación Cidadá.

 

CAPÍTULO II. Os consellos territoriais

Artigo 54. Definición

Os consellos territoriais son órganos de participación que teñen a función de canalizar a participación da cidadanía a través das súas entidades nos asuntos municipais, pero limitadas a un ámbito territorial específico: a parroquia (zona rural) e o barrio (zona urbana).

Artigo 55. Finalidade

Os consellos territoriais desenvolverán exclusivamente funcións de informe e, no seu caso, proposta, en relación coas iniciativas municipais ou veciñais relativas á parroquia a que corresponda cada consello.

Artigo 56. Constitución dos consellos

O concello aprobará en sesión plenaria, previo informe da Comisión Informativa que corrresponda, a creación e composición dos consellos territoriais.

Estes órganos constituiranse a proposta:

a) Do/da alcalde/sa.

b) A proposta dos grupos políticos con representación no concello, previa conformidade de alo menos a mitade das entidades ubicadas nese ámbito territorial (en todo caso en número non inferior a dúas), sempre que, en todo caso, representen á maioría da poboacion do devandito ámbito.

Artigo 57. Composición

Constituirán os consellos terrritoriais:

– Presidencia: o/a alcade/sa ou concelleiro/a en quen delegue.

– Vicepresidencia: elexido/a por maioria entre os membros do consello sen representación municipal, o día da constitución do Consello.

– Un/unha concelleiro/a por cada un dos grupos políticos que forman parte da corporación.

– Un/a representante por cada unha das entidades inscritas no rexistro municipal de entidades con domicilio no territorio do Consello, a proposta de cada un deles.

– Un/a secretario/a elixido/a por maioría entre os membros do Consello sen representación municipal o día da constitución do dito órgano.

Artigo 58. Funcións e competencias

Son competencia dos consellos territoriais.

1) Fomentar a participación directa da cidadanía por medio das entidades do territorio, na actividade do concello, establecendo a estes efectos os mecanismos necesarios de información, impulso e seguimento das súas actividades.

2) Recadar propostas cidadás e informar ós órganos de goberno do consello do funcionamento dos servizos municipais do territorio plantexando propostas para o seu mellor funcionamento.

3) Presentar ó concello, anualmente, un estado de necesidades e problemas específicos do territorio, con indicación e selección de prioridades para a súa posible inclusión no plan de actuación municipal.

4) Analizar os elementos do plan de actuación municipal que afecten ó territorio de que se trate.

5) Facilitar a maior información e publicidade sobre as actividades e acordos municipais que afecten a cada territorio.

6) Colaborar co concello na solución dos problemas do territorio e axudar na aplicación de políticas que preveñan situacións de risco, conflitos veciñais e causas de inseguridade e marxinación.

7) Promover e fomentar o asociacionismo e a colaboración individual entre organizacións potenciando a coordinación entre as diferentes institucións ou entidades que actúen no territorio xa sexan públicas ou privadas.

8) Recadar información, previa petición de temas de interese, para o consello.

9) Resolver sobre as solicitudes formuladas por asociacións ou entidades cara a súa incorporación ao correspondente consello.

10) Seguimento no cumprimento dos acordos adoptados polo Concello sobre as propostas do consello terrritorial, dándolle traslado do texto completo dos acordos e dos informes técnicos correspondentes si fora necesario.

11) Manter as reunións necesarias coas distintas áreas municipais para o seguimento e control dos acordos tomados coa periodicidade que dite o regulamento que rexe o seu funcionamento.

12) Cada consello territorial terá ademais as funcions específicas que determine o seu regulamento

Artigo 59. Normas xerais de funcionamento

Os Consellos territoriais son elementos claves de participación da cidadanía nos asuntos públicos, coa limitación a un ámbito territorial específico como son as parroquias. Entendidos así, as diferentes áreas municipais deben impulsar e coordinar o seu traballo.

Por estas razóns, todos os Consellos territoriais cumprirán as seguintes normas xerais de funcionamento:

– Reuniranse, como mínimo, unha vez ó semestre con carácter ordinario, e con carácter extraordinario cantas veces sexa preciso a xuízo da presidencia ou cando o soliciten un mínimo de un tercio dos membros do Consello.

– Remitirán acta de todas as xuntanzas non só ós membros do Consello, senón tamén a todas as asociacións e entidades relacionadas coa parroquia.

– Cada ano o Consello territorial debaterá e aprobará un informe das actuacións realizadas durante o período e propoñera iniciativas para melloralas. Este informe será presentado ó Consello de Participación Cidadá.

Artigo 60. Regulamento interno de funcionamento

Unha vez constituidos os consellos territoriais, elaboraran un regulamento interno de funcionamento que deberá ser aprobado polo pleno da corporación, previo informe da comisión informativa correspondente.

CAPITULO III. O Consello Xeral de Participación Cidadá

Artigo 61. Definición

O Consello Xeral de Participación Cidadá é o órgano máis amplo de participación na xestión municipal, desde o que se analizan e coordinan as actuacións que afecten ó conxunto do municipio.

Artigo 62. Finalidade

Teñen a finalidade de promover, canalizar e debater en torno os diferentes temas que afecten á vida cotiá do municipio no seu conxunto, facendo posible unha maior corresponsabilización dos/as veciños/as nos asuntos do municipio.

Ademais, o Consello Xeral de Participación Cidadá será informado polos diversos Consellos Municipais Sectoriais e consellos territoriais coa finalidade de desenvolver os obxectivos de participación.

Artigo 63. Constitución

O Concello de Narón aprobará en sesión plenaria a creación do Consello de Participación Cidadá e a súa concreta composición.

Artigo 64. Composición

Ó efecto de determinar o grao de participación dos diferentes axentes políticos e sociais, en función da súa representatividade e poboación, constituirán o Consello Xeral de Participación Cidadá:

– Como presidente/a: o/a alcalde/sa ou persoa en quen delegue.

– Como vicepresidente/a: o/a concelleiro/a elexido/a  polo pleno.

– Un/unha concelleiro/a por cada grupo político municipal a proposta de cada un/a deles/as

– Seis representantes das Asociacións de Veciños/as da zona urbana de Narón.

– Tres representantes das Asociacións de Veciños/as da zona rural de Narón.

– Un/a representante de cada un dos Consellos Municipais Sectoriais que se creen.

– Un/a representante de cada un dos consellos territoriais que se creen.

– O/a secretario/a da Corporación municipal ou persoa en quen delegue.

Artigo 65. Funcións e competencias

As funcións do Consello Xeral de Participación serán as seguintes:

1. Proporcionar información ó concello e este ó Consello de Participación Cidadá sobre os problemas xerais do mesmo.

2. Achegar ó concello as propostas e alternativas adoptadas nas sesións do Consello de Participación Cidadá.

3. Debater e valorar as conclusións dos estudos e traballos sobre temas estratéxicos que realice o Concello.

4. Ser consultado polo Concello ou polas comisións informativas en asuntos de interese específico para o municipio, estando obrigado a dar resposta.

5. Debater e valorar os temas de interese xeral que presenten os Consellos Sectoriais e os consellos territoriais.

6.A corporación municipal facilitará tanto ó consello de participación cidadá como ós consellos sectoriais o orzamento ordinario desglosado en partidas e por programas, co tempo suficiente para que cada consello sectorial poida ter opinión, aportar ideas e achegar propostas a dito orzamento.

7. Manter as reunións necesarias coas distintas areas municipais para o seguimento e control dos acordos tomados coa periodicidade que dite o regulamento que rexe o seu funcionamento.

Son competencia do Consello Xeral de Participación Cidadá:

1. Facilitar e promover a participación da cidadanía nas distintas áreas de xestión do Concello.

2. Promover e fomentar o asociacionismo e a colaboración individual e entre organizacións.

3. Impulsar a creación de estructuras participativas.

4. Fomentar a aplicación de políticas e actuacións municipais integrais.

5. Presentar iniciativas, propostas ou suxestións ó Concello, para ser trasladadas ó órgano competente.

6. Ser informados respecto daqueles temas de interese para o Consello.

7. Ser informados, previa petición, de cantos asuntos se demanden.

8. Coordinar as actuacións e propostas dos consellos sectoriais.

Artigo 66. Normas xerais de funcionamento

1. O Consello Xeral de Participación Cidadá reunirase unha vez ó semestre con carácter ordinario e, con carácter extraordinario, cantas veces sexa preciso a xuízo da Presidencia ou o solicite, polo menos, a metade dos membros.

2. Os acordos adoptaranse por maioría absoluta.

3. De cada xuntanza que se celebre se estenderá acta na que consten os nomes dos membros asistentes, os asuntos examinados e os informes emitidos.

4. Para a válida constitución do Consello, requírese a asistencia da metade máis un do número legal de membros en primeira e segunda convocatoria.

5. O Consello Xeral de Participación Cidadá poderá formar no seu seo as Comisións de Estudo que estime convenientes, respectando na súa composición a proporción que existe no propio Consello.

6. A Delegación de Participación Cidadá dotará ao Consello dos medios humanos e materiais necesarios para o cumprimento da súa función.

7. Anualmente dictarase unha Memoria de Actividades do Consello de Participación Cidadá que se dará a coñecer a través dos medios de comunicación de carácter municipal.

Artigo 67. Regulamento interno de funcionamento

Unha vez constituído o Consello Xeral de Participación Cidadá, elaborarán un Regulamento Interno de Funcionamento, que deberá ser aprobado polo Pleno, previo informe da Comisión correspondente.

Artigo 68. Funcións da concellaría de participación cidadá

A concellaría de participación cidadá:

1. Velará polo correcto funcionamento deste regulamento e pola boa relación entre os órganos de participación e o Concello.

2. Entregará, a ser posible, de maneira telemática as actas dos acordos tomados nos plenos a todos os órganos de participación.

Artigo 69. Cláusula de revisión

O presente regulamento será revisado cada dous anos dende a súa entrada en vigor.

DISPOSICIÓNS ADICIONAIS

PRIMEIRA

O Concello de Narón, no exercizo da súa autonomía organizativa, poderá crear outros órganos municipais de participación diferentes dos previstos no presente Regulamento, respectando a organización básica prevista polas leis.

SEGUNDA

As dúbidas que suscite a interpretación e aplicación deste Regulamento serán resoltas pola Alcaldía, previo informe da Delegación de Participación Cidadá, de conformidade co establecido na vixente lexislación de Réxime Local e nos acordos municipais.

TERCEIRA

No non previsto polo presente Regulamento estarase ao disposto nas seguintes normas: a Lei 7/1985, de 2 de abril, reguladora das bases de réxime local; a Lei 5/1997, de 22 de xullo, de Administración Local de Galicia; o texto refundido das disposicións vixentes en materia de réxime local, aprobado por Real decreto lexislativo 781/86, de 18 de abril; o Regulamento de organización, funcionamento e réxime xurídico das entidades locais, aprobado polo Real decreto 2568/1986, de 28 de novembro; Lei orgánica 4/2001, de 12 de novembro, reguladora do dereito de petición; e a Lei orgánica 1/2002, reguladora do dereito de asociación.

DISPOSICIÓN DEROGATORIA

Desde a data de entrada en vigor do presente Regulamento fican derogadas todas as disposicións contidas nas Ordenanzas e Regulamentos Municipais que se opoñan ó disposto neste.

DISPOSICIÓN FINAL

O presente Regulamento, unha vez sometido a información pública e aprobado definitivamente polo Pleno municipal, entrará en vigor ós quince días da súa publicación no BOP e transcorrido o prazo disposto no artigo 65 da Lei 7/1985, de 2 de abril, reguladora das bases do réxime local.